mércores, 19 de novembro de 2014

A ESMORGA DE IGNACIO VILAR

protagonistas a esmorgaCando en 1959 Eduardo Blanco-Amor publicou en Buenos Aires ese monumento da nosa narrativa moderna que se chamou A esmorga mal podía sospeitar que aquel perfecto artefacto literario agochaba no seu interior o xermolo dun gran filme.
É certo que a plasticidade case táctil de moitas das súas pasaxes narrativas e descritivas, a fluencia líquida dos diálogos, esa caracterización dérmica dos personaxes e as vívidas atmosferas recreadas conseguen mergullar o lector no relato de tal maneira que son un anuncio novelístico da peza cinematográfica que levaba dentro, mais ese soño de imaxes aínda estaba por corporeizar.
E velaí que por fin se fixo realidade e o poderoso universo visual de Blanco-Amor cobrou forma na película que esta fin de semana se estreou na inauguración do OUFF baixo a dirección de Ignacio Vilar, un dos nosos máis brillantes cineastas actuais.
cartel a esmorgaA esmorga de Vilar (aesmorgafilme.com) fai esquecer anteriores tentativas que levaran a novela do ourensao ata a gran pantalla. Ao pé desta magnífica cinta do autor dePradolongo, versións como a Parranda (1977) de Gonzalo Suárez resultan nimias na súa forzada adaptación dun clásico literario que, sinxelamente, non acabou de entender na súa esencia o director.
Esta nova versión da obra do xenio de Auria atrapa toda a maxia dos ambientes da vella cidade, toda a forza brutal dos seus protagonistas, a pulsión tráxica dos sucesos nos que se ven envoltos para regalarnos un filme intensísimo, cargado de escenas faiscantes, pleno de acertos tanto no reparto coma nas localizacións ou a escolla musical.
Miguel de Lira no papel do Cibrán, Karra Elejalde no do Bocas e Antonio Durán ‘Morris’ no do Milhomes forman un tríade asombroso que sostén no alto todo o peso da película. A súa maxistral interpretación (difícil decidirse por un deles, pois todos tres brillan a grande altura) imanta o espectador de tal maneira que consegue ese estraño milagre de facer sentir a un fóra do espazo real, como se por un momento habitaramos verdadeiramente a Auria doutro tempo e fose nosa a anguria desa carreira louca cara a ningunha parte dos personaxes, como se o alcohol e a chuvia e a friaxe e o desprezo social tamén luxasen a alma nosa, clamando vinganza na persoa da doída e inocente Socorrito.
Ignacio Vilar marca con A esmorga un punto de inflexión na súa carreira. Polisóns (1999),Ilegal (2002), Un bosque de música (2003) e mesmo as moi aplaudidas Pradolongo(2008) ou Vilamor (2012) non son senón ensaios previos para chegar a esta obra maior, que ha quedar como un referente histórico do noso cinema.
A Esmoga DFFarían mal, moi mal, en non acudir ás súas salas de cinema máis próximas a partir do 21 de novembro e deleitarse con este A esmorga. Perderíanse non só unha interpretación memorable de tres grandes da escena, senón un reparto de luxo (soberbia a Nonó de Mela Casal, excelente a Tía Esquilacha de Covadonga Berdiñas), un guión magnífico e un vestiario, música e traballo de dirección artística sobresaíntes.
O cine galego está de festa. A esmorga de Ignacio Vilar vivirá grandes alegrías. Prepárense para vela inzada de moi xustos galardóns. Fáganme caso, axuden a que o noso cinema brille con luz propia. Achéguense a vela e xulguen por si mesmos. Ficarán felices.


Criticalia. Armando Requeixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario