domingo, 18 de xaneiro de 2015

FERVENZAS LITERARIAS: OMELLOR DO 2014

A viaxe de Gagarin
Agustín Fernández Paz
Xerais

a-viaxe-do-gagarin
Mellor libro de poesía
Cronoloxía da urxencia
Dores Tembrás
Espiral Maior

cronoloxia-da-urxencia
Mellor libro de ensaio/investigación
Historia da Literatura Galega II
Xosé Ramón Pena
Xerais

historia-da-literatura-gale
Mellor libro de teatro
Lapsus
Alfonso Pexegueiro
Axóuxere

lapsus
Mellor álbum de banda deseñada
O bichero
Luís Dávila

o-bichero
Mellor libro traducido para público adulto
Jude o escuro
Thomas Hardy
Tradución de María Fe González
Hugin e Munin

jude-o-escuro
Mellor libro literatura xuvenil
Reo

Xesús Fraga
Galaxia


reo
Mellor libro literatura infantil
A cociñeira defunta
Ledicia Costas
Ilustracións de Víctor Rivas
Xerais

escarlatina-a-cocinheira-de
Mellor libro traducido de LIX
Na cociña de noite
Maurice Sendak
Tradución de Oli
Kalandraka

na-cocinha-de-noite
Autor/a do ano
Agustín Fernández Paz

agustin-fernandez-paz
Ilustrador/a do ano
David Pintor

david-pintor
Mellor portada de adultos
Título:Olympia Ring, 1934
Autor da portada:---

Galaxia

olympia-ring-1934
Mellor portada de LIX
Título: Escarlatina, a cociñeira defunta.
Portada de Víctor Rivas.

Xerais

escarlatina-a-cocinheira-de
Mellor editorial do ano
Galaxia

galaxia
Crítico/a literario
Armando Requeixo

armando-requeixo
O mellor acontecido no 2014
Culturgal

culturgal-2014
O peor acontecido no 2014
A política lingüística e cultural da Xunta de Galicia

xunta
Mellor libraría
Libraría Couceiro

couceiro
Mellor medio de comunicación
Praza Pública

praza
Mellor blog/web literaria
Caderno da Crítica

caderno-da-critica

 Fervenzas Literarias

xoves, 20 de novembro de 2014

Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala

instrucionsAntón Riveiro CoelloAínda que nunha vindeira entrega Román Arén falará aquí da historia da narrativa hiperbreve escrita en galego, que conta cunha tradición que vén de lonxe e que talvez atopou nos escritores rianxeiros Rafael Dieste e Castelao dous dos seus máis altos estandartes (interesante o libro de Xosé Manuel Eyré Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa), permítaseme aquí falar “brevemente” dun moi recomendable libro que veño de ler e que se encadra neste xénero tan heteroxéneo, Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, publicado pola editorial Galaxia.
Non deixa de ser curioso que un dos textos do que máis se leva falado na historia da literatura universal é aquel de Monterroso que, dun xeito fundacional, establecería certas pautas para o microrrelato: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí”. Nun encontro de escritores en Verines, escoiteille á narradora Cristina Fernández Cubas a anécdota que lle aconteceu co autor guatemalteco: “don Augusto, non me dirá que o do dinosauro é un relato?”. E seica Monterroso contestou todo cheo de razón, “non, non é un relato, é unha novela”.  Con esta resposta o autor pechaba a porta ás diferenzas de xénero entre un microrrelato, un conto, unha novela curta ou unha novela longa. Deste xeito, as posibilidades expresivas dun microrrelato poderían conter moito máis ca unha novela completa, abofé que si. Por iso non é estraño que adoiten xurdir novos escritores que se enfronten cun xénero tan peculiar e difícil, ao meu ver, como o do microrrelato, por lle poñer un nome á literatura hiperbreve. singalaMais Manuel Núñez Singala non é novo nisto e, aínda que é coñecido por textos como Comedia bífida ou O achado do Castro (tamén como prestixioso ensaísta en cuestións relacionadas coa normalización da nosa lingua), xa demostrou estar dotado para o breve no seu gorentoso libro Menú de enganos. Agora, neste Instrucións para tomar café, o autor lugués agasállanos cun libro ben intelixente, divertido, retranqueiro, iluminado por veces, que cae dentro deste “suposto” xénero da micronarrativa. Neste “manual”, cun título que nos remite a Cortázar, Núñez Singala acada un lugar destacado dentro deste microxénero. Cunha temática diversa que vai do humor e as preocupacións lingüísticas a unha volta dos contos populares, o autor manexa dentro do breve rexistros que abranguen a sorpresa, a reflexión a xeito de microensaio, a fantasía, os contos… E faino con mestría e orixinalidade, nun ton xeral interesante que ten momentos de altura, antolóxicos. Paga a pena. 
Antón Riveiro Coello. Café Barbantia.

mércores, 19 de novembro de 2014

A ESMORGA DE IGNACIO VILAR

protagonistas a esmorgaCando en 1959 Eduardo Blanco-Amor publicou en Buenos Aires ese monumento da nosa narrativa moderna que se chamou A esmorga mal podía sospeitar que aquel perfecto artefacto literario agochaba no seu interior o xermolo dun gran filme.
É certo que a plasticidade case táctil de moitas das súas pasaxes narrativas e descritivas, a fluencia líquida dos diálogos, esa caracterización dérmica dos personaxes e as vívidas atmosferas recreadas conseguen mergullar o lector no relato de tal maneira que son un anuncio novelístico da peza cinematográfica que levaba dentro, mais ese soño de imaxes aínda estaba por corporeizar.
E velaí que por fin se fixo realidade e o poderoso universo visual de Blanco-Amor cobrou forma na película que esta fin de semana se estreou na inauguración do OUFF baixo a dirección de Ignacio Vilar, un dos nosos máis brillantes cineastas actuais.
cartel a esmorgaA esmorga de Vilar (aesmorgafilme.com) fai esquecer anteriores tentativas que levaran a novela do ourensao ata a gran pantalla. Ao pé desta magnífica cinta do autor dePradolongo, versións como a Parranda (1977) de Gonzalo Suárez resultan nimias na súa forzada adaptación dun clásico literario que, sinxelamente, non acabou de entender na súa esencia o director.
Esta nova versión da obra do xenio de Auria atrapa toda a maxia dos ambientes da vella cidade, toda a forza brutal dos seus protagonistas, a pulsión tráxica dos sucesos nos que se ven envoltos para regalarnos un filme intensísimo, cargado de escenas faiscantes, pleno de acertos tanto no reparto coma nas localizacións ou a escolla musical.
Miguel de Lira no papel do Cibrán, Karra Elejalde no do Bocas e Antonio Durán ‘Morris’ no do Milhomes forman un tríade asombroso que sostén no alto todo o peso da película. A súa maxistral interpretación (difícil decidirse por un deles, pois todos tres brillan a grande altura) imanta o espectador de tal maneira que consegue ese estraño milagre de facer sentir a un fóra do espazo real, como se por un momento habitaramos verdadeiramente a Auria doutro tempo e fose nosa a anguria desa carreira louca cara a ningunha parte dos personaxes, como se o alcohol e a chuvia e a friaxe e o desprezo social tamén luxasen a alma nosa, clamando vinganza na persoa da doída e inocente Socorrito.
Ignacio Vilar marca con A esmorga un punto de inflexión na súa carreira. Polisóns (1999),Ilegal (2002), Un bosque de música (2003) e mesmo as moi aplaudidas Pradolongo(2008) ou Vilamor (2012) non son senón ensaios previos para chegar a esta obra maior, que ha quedar como un referente histórico do noso cinema.
A Esmoga DFFarían mal, moi mal, en non acudir ás súas salas de cinema máis próximas a partir do 21 de novembro e deleitarse con este A esmorga. Perderíanse non só unha interpretación memorable de tres grandes da escena, senón un reparto de luxo (soberbia a Nonó de Mela Casal, excelente a Tía Esquilacha de Covadonga Berdiñas), un guión magnífico e un vestiario, música e traballo de dirección artística sobresaíntes.
O cine galego está de festa. A esmorga de Ignacio Vilar vivirá grandes alegrías. Prepárense para vela inzada de moi xustos galardóns. Fáganme caso, axuden a que o noso cinema brille con luz propia. Achéguense a vela e xulguen por si mesmos. Ficarán felices.


Criticalia. Armando Requeixo.