xoves, 20 de novembro de 2014

Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala

instrucionsAntón Riveiro CoelloAínda que nunha vindeira entrega Román Arén falará aquí da historia da narrativa hiperbreve escrita en galego, que conta cunha tradición que vén de lonxe e que talvez atopou nos escritores rianxeiros Rafael Dieste e Castelao dous dos seus máis altos estandartes (interesante o libro de Xosé Manuel Eyré Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa), permítaseme aquí falar “brevemente” dun moi recomendable libro que veño de ler e que se encadra neste xénero tan heteroxéneo, Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, publicado pola editorial Galaxia.
Non deixa de ser curioso que un dos textos do que máis se leva falado na historia da literatura universal é aquel de Monterroso que, dun xeito fundacional, establecería certas pautas para o microrrelato: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí”. Nun encontro de escritores en Verines, escoiteille á narradora Cristina Fernández Cubas a anécdota que lle aconteceu co autor guatemalteco: “don Augusto, non me dirá que o do dinosauro é un relato?”. E seica Monterroso contestou todo cheo de razón, “non, non é un relato, é unha novela”.  Con esta resposta o autor pechaba a porta ás diferenzas de xénero entre un microrrelato, un conto, unha novela curta ou unha novela longa. Deste xeito, as posibilidades expresivas dun microrrelato poderían conter moito máis ca unha novela completa, abofé que si. Por iso non é estraño que adoiten xurdir novos escritores que se enfronten cun xénero tan peculiar e difícil, ao meu ver, como o do microrrelato, por lle poñer un nome á literatura hiperbreve. singalaMais Manuel Núñez Singala non é novo nisto e, aínda que é coñecido por textos como Comedia bífida ou O achado do Castro (tamén como prestixioso ensaísta en cuestións relacionadas coa normalización da nosa lingua), xa demostrou estar dotado para o breve no seu gorentoso libro Menú de enganos. Agora, neste Instrucións para tomar café, o autor lugués agasállanos cun libro ben intelixente, divertido, retranqueiro, iluminado por veces, que cae dentro deste “suposto” xénero da micronarrativa. Neste “manual”, cun título que nos remite a Cortázar, Núñez Singala acada un lugar destacado dentro deste microxénero. Cunha temática diversa que vai do humor e as preocupacións lingüísticas a unha volta dos contos populares, o autor manexa dentro do breve rexistros que abranguen a sorpresa, a reflexión a xeito de microensaio, a fantasía, os contos… E faino con mestría e orixinalidade, nun ton xeral interesante que ten momentos de altura, antolóxicos. Paga a pena. 
Antón Riveiro Coello. Café Barbantia.

mércores, 19 de novembro de 2014

A ESMORGA DE IGNACIO VILAR

protagonistas a esmorgaCando en 1959 Eduardo Blanco-Amor publicou en Buenos Aires ese monumento da nosa narrativa moderna que se chamou A esmorga mal podía sospeitar que aquel perfecto artefacto literario agochaba no seu interior o xermolo dun gran filme.
É certo que a plasticidade case táctil de moitas das súas pasaxes narrativas e descritivas, a fluencia líquida dos diálogos, esa caracterización dérmica dos personaxes e as vívidas atmosferas recreadas conseguen mergullar o lector no relato de tal maneira que son un anuncio novelístico da peza cinematográfica que levaba dentro, mais ese soño de imaxes aínda estaba por corporeizar.
E velaí que por fin se fixo realidade e o poderoso universo visual de Blanco-Amor cobrou forma na película que esta fin de semana se estreou na inauguración do OUFF baixo a dirección de Ignacio Vilar, un dos nosos máis brillantes cineastas actuais.
cartel a esmorgaA esmorga de Vilar (aesmorgafilme.com) fai esquecer anteriores tentativas que levaran a novela do ourensao ata a gran pantalla. Ao pé desta magnífica cinta do autor dePradolongo, versións como a Parranda (1977) de Gonzalo Suárez resultan nimias na súa forzada adaptación dun clásico literario que, sinxelamente, non acabou de entender na súa esencia o director.
Esta nova versión da obra do xenio de Auria atrapa toda a maxia dos ambientes da vella cidade, toda a forza brutal dos seus protagonistas, a pulsión tráxica dos sucesos nos que se ven envoltos para regalarnos un filme intensísimo, cargado de escenas faiscantes, pleno de acertos tanto no reparto coma nas localizacións ou a escolla musical.
Miguel de Lira no papel do Cibrán, Karra Elejalde no do Bocas e Antonio Durán ‘Morris’ no do Milhomes forman un tríade asombroso que sostén no alto todo o peso da película. A súa maxistral interpretación (difícil decidirse por un deles, pois todos tres brillan a grande altura) imanta o espectador de tal maneira que consegue ese estraño milagre de facer sentir a un fóra do espazo real, como se por un momento habitaramos verdadeiramente a Auria doutro tempo e fose nosa a anguria desa carreira louca cara a ningunha parte dos personaxes, como se o alcohol e a chuvia e a friaxe e o desprezo social tamén luxasen a alma nosa, clamando vinganza na persoa da doída e inocente Socorrito.
Ignacio Vilar marca con A esmorga un punto de inflexión na súa carreira. Polisóns (1999),Ilegal (2002), Un bosque de música (2003) e mesmo as moi aplaudidas Pradolongo(2008) ou Vilamor (2012) non son senón ensaios previos para chegar a esta obra maior, que ha quedar como un referente histórico do noso cinema.
A Esmoga DFFarían mal, moi mal, en non acudir ás súas salas de cinema máis próximas a partir do 21 de novembro e deleitarse con este A esmorga. Perderíanse non só unha interpretación memorable de tres grandes da escena, senón un reparto de luxo (soberbia a Nonó de Mela Casal, excelente a Tía Esquilacha de Covadonga Berdiñas), un guión magnífico e un vestiario, música e traballo de dirección artística sobresaíntes.
O cine galego está de festa. A esmorga de Ignacio Vilar vivirá grandes alegrías. Prepárense para vela inzada de moi xustos galardóns. Fáganme caso, axuden a que o noso cinema brille con luz propia. Achéguense a vela e xulguen por si mesmos. Ficarán felices.


Criticalia. Armando Requeixo.

xoves, 6 de novembro de 2014

O Ulises en galego

A tradución do Ulises recoñecida como a mellor do ano

A tradución do Ulises recoñecida como a mellor do ano
O Ministerio de Cultura do estado español ven de premiar a Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle co premio á Mellor Tradución do 2013 polo traballo desenvolvido coa obra Ulises, de James Joyce, e publicado por Galaxia. O xurado do premio valorou da tradución deste clásico da literatura universal o feito de “ter resolto brillantemente o desafío e complexidade que supón a vizosa combinación de rexistros, xogos de palabras ou alteracións presentes no orixinal”.
A novela de James Joyce publicouse en París en 1922 pola libraría Shakespeare and Company. Aínda que Ramón Otero Pedrayo publicara a tradución ao galego dalgúns capítulos do Ulises na revista Nós, foi agora o traballo de oito anos de Alonso Seisdedos, Almazán, Queipo e Vialle quen, baixo a coordinación de Carlos Lema da editorial Galaxia, permitiunos aos lectores galegos gozar desta monumental obra.
A tradución de Ulises xa acadara ao longo do último ano oPremio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Traducido de 2013, o Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, o Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución e o Premio AELG 2014 á Mellor Tradución.

 Fervenzas literarias

martes, 4 de novembro de 2014

Tabela dos Libros. Novembro 2014.
Criticalia. Blog de Armando Requeixo


Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.
2014_novembro_tabela

mércores, 29 de outubro de 2014

Recomendacións lectoras de BIBLOS

1. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz(Xerais). Esgotada a súa primeira edición en pouco tempo e acollida con entusiasmo pola crítica, non é difícil conxecturar que se trata dun dos libros do ano: escrito con pulcritude e emoción, desvela certas claves dun pasado próximo a través da memoria dun personaxe inesquecible.
2. Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960, de Sabino Torres (Galaxia). É unha fortuna contar cunha mente lúcida e con estilo literario como a do escritor e editor Torres, que revela con transparencia algunhas das claves do acontecido na vila do Lérez nun período no que tantas cousas cambiaron.
3.  Estrela do norte, de Luís Rei (Tambo-Kalandraka). Poucas persoas son quen de moverse con habilidade e equilibrio entre diversos xéneros construíndo sempre un todo homoxéneo con múltiples enlaces entre eles. Rei demostra que a poesía non é secundaria, antóllaseme que esencial,  neste proxecto
4. dun lago escuro, de Marta Dacosta (Xerais). Este premio de poesía Johán Carballeira 2013 constitúe un paso, non menor, dunha das poetas máis prolíficas dos últimos anos. Un libro de poemas ateigado de preguntas  e que convida a nos cuestionar a cerna de moitas cousas.
5. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández (Galaxia). Un dos escritores de novela negra de maior aceptación volve visitar os andeis das librarías cunha novela suxestiva na que deita unha coidada ollada, nunca mellor dito cinematográfica, sobre a década dos anos sesenta do pasado século con moita ironía e, tamén, moito que ensinar.    
6. A casa de Mango Street, de Sandra Cisneros (Sushi Books, en tradución de Alicia Meléndez). Marilar Aleixandre  vertera á nosa lingua con eficiencia a poesía Cisneros. En prosa segue a tocar asuntos de inequívoca actualidade –a identidade, a marxinación, a mestizaxe cultural e lingüística- e faino cunha rotundidade e engado literario inusuais.
7. Unha rosa encarnada, de Robert Burns (Positivas, en tradución de Raúl Gómez Pato). Ler esta edición da poesía de Burns na nosa lingua é unha regalía,  pola arrebatadora forza que atesoura o poeta, tamén pola coidada edición que tantas cousas explica.
8. Raros e curiosos, de Carlos López (Embora). Imposible non ler este libro de relatos breves, cheos de humorismo e frescura, bosquexando un sorriso e, en tantas ocasións, acompañándose dunha gargallada franca e aberta. Algo de agradecer.
9. Policamente incorreta, de Teresa Moure (Através editora). Subtitulado “ensaios para um tempo de pressas” é un libro heterodoxo e rebelde, que procura, a través do pensamento crítico, alertar conciencias e aprendermos a exercer a crítica, sempre tan precisa.
 10. Sangue 12, de Cris Pavón (Urco Editora). Pavón é unha autora da que cómpre seguirlle a pista pois intúo que vai posicionándose con orixinalidade e paso firme na narrativa de hoxe. Esta novela, a cabalo entre o real e o fantástico e co motivo da identidade de fondo, así o testemuña.
 11. Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra (Positivas). Presentada como a primeira novela pornográfica da literatura galega, suscitou xa certo debate e creo que o mellor para opinar é lela sen prexuízos e libremente.
12. A dama da noite, de Xavier Seoane (Laiovento). Non se prodiga o autor no ámbito da narrativa, sendo esta a súa segunda entrega. Coido que se falará dela pois ficcionaliza, creo que con fortuna, a vida dunha muller que é símbolo de noso.
Este texto publicouse nas páxinas na sección «Breviario», de Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 69 (xullo-agosto 2014).

Unha rosa encarnada. Robert Burns
















venres, 24 de outubro de 2014

Que gran país e que carallo de xente!


Num cole dumha vila próxima à Corunha. Baixa da aula umha aluna de primária e di-lhe a umha profe que está na fotocopiadora:
- Me puedes hacer unas fotocopias?
- Cantas?
-. Si, de vez en cuando.
Verídico. 

martes, 21 de outubro de 2014

OS MÁIS RECOMENDADOS

Tabela dos Libros. Outubro 2014



Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.
2014_outubro_tabela
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.
Armando Requeixo. Criticalia.

"A esmorga", en catalán

‘A esmorga’, de Blanco Amor, traducida ao catalán

portada-i6n9920037A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, é unha das obras cume da literatura galega. A medida que pasa o tempo, esta historia de medo, desexo e morte gaña en profundidade, en matices, en literatura. Proba de que é unha obra viva e moi influente sobre as letras actuais é que segue a estar de actualidade. Ademais do filme de próxima estrea, que Ignacio Vilar dirixe en base ao libro do autor ourensán, tamén está de estrea a versión catalá do texto.
La gresca foi traducida ao catalán por Jaume Silvestre Llinares e editada polo selo El Gall, das Balears, unha compañía que atende non só os nomes máis interesantes das letras levantinas senón que ten no seu catálogo obras de Thomas Bernhard, Eugénio de Andrade e António Lobo Antunes, entre outros. A editorial balear amosa un interese especial polas letras lusófonas, que quizais se amplíe á literatura galega a través da porta que agora abre Eduardo Blanco Amor.
Llinares foi o gran valedor d’A esmorga entre a cultura catalá. “É unha novela trepidante, sutil e basta, tenra e cruel, todo xunto”, explicaba hai poucas datas nunha entrevista. “Unha cidade galega envolta na chuvia e no frío na que uns personaxes marxinais fai un percorrido peripatético, un paseo traxicómico de vinte e catro horas. Temas como a homosexualidade, a prostitución, o alcol e as relacións humanas por interese están sempre presentes. E todo baixo o pano de fondo da represión policial, que evoca a crueza do franquismo”.
BiosBardia