Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala
Non deixa de ser curioso que un dos textos do que máis se leva falado na historia da literatura universal é aquel de Monterroso que, dun xeito fundacional, establecería certas pautas para o microrrelato: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí”. Nun encontro de escritores en Verines, escoiteille á narradora Cristina Fernández Cubas a anécdota que lle aconteceu co autor guatemalteco: “don Augusto, non me dirá que o do dinosauro é un relato?”. E seica Monterroso contestou todo cheo de razón, “non, non é un relato, é unha novela”. Con esta resposta o autor pechaba a porta ás diferenzas de xénero entre un microrrelato, un conto, unha novela curta ou unha novela longa. Deste xeito, as posibilidades expresivas dun microrrelato poderían conter moito máis ca unha novela completa, abofé que si. Por iso non é estraño que adoiten xurdir novos escritores que se enfronten cun xénero tan peculiar e difícil, ao meu ver, como o do microrrelato, por lle poñer un nome á literatura hiperbreve.
Mais Manuel Núñez Singala non é novo nisto e, aínda que é coñecido por textos como Comedia bífida ou O achado do Castro (tamén como prestixioso ensaísta en cuestións relacionadas coa normalización da nosa lingua), xa demostrou estar dotado para o breve no seu gorentoso libro Menú de enganos. Agora, neste Instrucións para tomar café, o autor lugués agasállanos cun libro ben intelixente, divertido, retranqueiro, iluminado por veces, que cae dentro deste “suposto” xénero da micronarrativa. Neste “manual”, cun título que nos remite a Cortázar, Núñez Singala acada un lugar destacado dentro deste microxénero. Cunha temática diversa que vai do humor e as preocupacións lingüísticas a unha volta dos contos populares, o autor manexa dentro do breve rexistros que abranguen a sorpresa, a reflexión a xeito de microensaio, a fantasía, os contos… E faino con mestría e orixinalidade, nun ton xeral interesante que ten momentos de altura, antolóxicos. Paga a pena.
Antón Riveiro Coello. Café Barbantia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario