Armando Requeixo. Criticalia
luns, 2 de febreiro de 2015
domingo, 18 de xaneiro de 2015
FERVENZAS LITERARIAS: OMELLOR DO 2014
Fervenzas Literarias
xoves, 8 de xaneiro de 2015
mércores, 17 de decembro de 2014
martes, 2 de decembro de 2014
xoves, 20 de novembro de 2014
Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala
Non deixa de ser curioso que un dos textos do que máis se leva falado na historia da literatura universal é aquel de Monterroso que, dun xeito fundacional, establecería certas pautas para o microrrelato: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí”. Nun encontro de escritores en Verines, escoiteille á narradora Cristina Fernández Cubas a anécdota que lle aconteceu co autor guatemalteco: “don Augusto, non me dirá que o do dinosauro é un relato?”. E seica Monterroso contestou todo cheo de razón, “non, non é un relato, é unha novela”. Con esta resposta o autor pechaba a porta ás diferenzas de xénero entre un microrrelato, un conto, unha novela curta ou unha novela longa. Deste xeito, as posibilidades expresivas dun microrrelato poderían conter moito máis ca unha novela completa, abofé que si. Por iso non é estraño que adoiten xurdir novos escritores que se enfronten cun xénero tan peculiar e difícil, ao meu ver, como o do microrrelato, por lle poñer un nome á literatura hiperbreve.
Mais Manuel Núñez Singala non é novo nisto e, aínda que é coñecido por textos como Comedia bífida ou O achado do Castro (tamén como prestixioso ensaísta en cuestións relacionadas coa normalización da nosa lingua), xa demostrou estar dotado para o breve no seu gorentoso libro Menú de enganos. Agora, neste Instrucións para tomar café, o autor lugués agasállanos cun libro ben intelixente, divertido, retranqueiro, iluminado por veces, que cae dentro deste “suposto” xénero da micronarrativa. Neste “manual”, cun título que nos remite a Cortázar, Núñez Singala acada un lugar destacado dentro deste microxénero. Cunha temática diversa que vai do humor e as preocupacións lingüísticas a unha volta dos contos populares, o autor manexa dentro do breve rexistros que abranguen a sorpresa, a reflexión a xeito de microensaio, a fantasía, os contos… E faino con mestría e orixinalidade, nun ton xeral interesante que ten momentos de altura, antolóxicos. Paga a pena.
Antón Riveiro Coello. Café Barbantia.
mércores, 19 de novembro de 2014
A ESMORGA DE IGNACIO VILAR
É certo que a plasticidade case táctil de moitas das súas pasaxes narrativas e descritivas, a fluencia líquida dos diálogos, esa caracterización dérmica dos personaxes e as vívidas atmosferas recreadas conseguen mergullar o lector no relato de tal maneira que son un anuncio novelístico da peza cinematográfica que levaba dentro, mais ese soño de imaxes aínda estaba por corporeizar.
E velaí que por fin se fixo realidade e o poderoso universo visual de Blanco-Amor cobrou forma na película que esta fin de semana se estreou na inauguración do OUFF baixo a dirección de Ignacio Vilar, un dos nosos máis brillantes cineastas actuais.
Esta nova versión da obra do xenio de Auria atrapa toda a maxia dos ambientes da vella cidade, toda a forza brutal dos seus protagonistas, a pulsión tráxica dos sucesos nos que se ven envoltos para regalarnos un filme intensísimo, cargado de escenas faiscantes, pleno de acertos tanto no reparto coma nas localizacións ou a escolla musical.
Miguel de Lira no papel do Cibrán, Karra Elejalde no do Bocas e Antonio Durán ‘Morris’ no do Milhomes forman un tríade asombroso que sostén no alto todo o peso da película. A súa maxistral interpretación (difícil decidirse por un deles, pois todos tres brillan a grande altura) imanta o espectador de tal maneira que consegue ese estraño milagre de facer sentir a un fóra do espazo real, como se por un momento habitaramos verdadeiramente a Auria doutro tempo e fose nosa a anguria desa carreira louca cara a ningunha parte dos personaxes, como se o alcohol e a chuvia e a friaxe e o desprezo social tamén luxasen a alma nosa, clamando vinganza na persoa da doída e inocente Socorrito.
Ignacio Vilar marca con A esmorga un punto de inflexión na súa carreira. Polisóns (1999),Ilegal (2002), Un bosque de música (2003) e mesmo as moi aplaudidas Pradolongo(2008) ou Vilamor (2012) non son senón ensaios previos para chegar a esta obra maior, que ha quedar como un referente histórico do noso cinema.
O cine galego está de festa. A esmorga de Ignacio Vilar vivirá grandes alegrías. Prepárense para vela inzada de moi xustos galardóns. Fáganme caso, axuden a que o noso cinema brille con luz propia. Achéguense a vela e xulguen por si mesmos. Ficarán felices.
Criticalia. Armando Requeixo.
Criticalia. Armando Requeixo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)