xoves, 6 de novembro de 2014

O Ulises en galego

A tradución do Ulises recoñecida como a mellor do ano

A tradución do Ulises recoñecida como a mellor do ano
O Ministerio de Cultura do estado español ven de premiar a Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle co premio á Mellor Tradución do 2013 polo traballo desenvolvido coa obra Ulises, de James Joyce, e publicado por Galaxia. O xurado do premio valorou da tradución deste clásico da literatura universal o feito de “ter resolto brillantemente o desafío e complexidade que supón a vizosa combinación de rexistros, xogos de palabras ou alteracións presentes no orixinal”.
A novela de James Joyce publicouse en París en 1922 pola libraría Shakespeare and Company. Aínda que Ramón Otero Pedrayo publicara a tradución ao galego dalgúns capítulos do Ulises na revista Nós, foi agora o traballo de oito anos de Alonso Seisdedos, Almazán, Queipo e Vialle quen, baixo a coordinación de Carlos Lema da editorial Galaxia, permitiunos aos lectores galegos gozar desta monumental obra.
A tradución de Ulises xa acadara ao longo do último ano oPremio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Traducido de 2013, o Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, o Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución e o Premio AELG 2014 á Mellor Tradución.

 Fervenzas literarias

martes, 4 de novembro de 2014

Tabela dos Libros. Novembro 2014.
Criticalia. Blog de Armando Requeixo


Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.
2014_novembro_tabela

mércores, 29 de outubro de 2014

Recomendacións lectoras de BIBLOS

1. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz(Xerais). Esgotada a súa primeira edición en pouco tempo e acollida con entusiasmo pola crítica, non é difícil conxecturar que se trata dun dos libros do ano: escrito con pulcritude e emoción, desvela certas claves dun pasado próximo a través da memoria dun personaxe inesquecible.
2. Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960, de Sabino Torres (Galaxia). É unha fortuna contar cunha mente lúcida e con estilo literario como a do escritor e editor Torres, que revela con transparencia algunhas das claves do acontecido na vila do Lérez nun período no que tantas cousas cambiaron.
3.  Estrela do norte, de Luís Rei (Tambo-Kalandraka). Poucas persoas son quen de moverse con habilidade e equilibrio entre diversos xéneros construíndo sempre un todo homoxéneo con múltiples enlaces entre eles. Rei demostra que a poesía non é secundaria, antóllaseme que esencial,  neste proxecto
4. dun lago escuro, de Marta Dacosta (Xerais). Este premio de poesía Johán Carballeira 2013 constitúe un paso, non menor, dunha das poetas máis prolíficas dos últimos anos. Un libro de poemas ateigado de preguntas  e que convida a nos cuestionar a cerna de moitas cousas.
5. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández (Galaxia). Un dos escritores de novela negra de maior aceptación volve visitar os andeis das librarías cunha novela suxestiva na que deita unha coidada ollada, nunca mellor dito cinematográfica, sobre a década dos anos sesenta do pasado século con moita ironía e, tamén, moito que ensinar.    
6. A casa de Mango Street, de Sandra Cisneros (Sushi Books, en tradución de Alicia Meléndez). Marilar Aleixandre  vertera á nosa lingua con eficiencia a poesía Cisneros. En prosa segue a tocar asuntos de inequívoca actualidade –a identidade, a marxinación, a mestizaxe cultural e lingüística- e faino cunha rotundidade e engado literario inusuais.
7. Unha rosa encarnada, de Robert Burns (Positivas, en tradución de Raúl Gómez Pato). Ler esta edición da poesía de Burns na nosa lingua é unha regalía,  pola arrebatadora forza que atesoura o poeta, tamén pola coidada edición que tantas cousas explica.
8. Raros e curiosos, de Carlos López (Embora). Imposible non ler este libro de relatos breves, cheos de humorismo e frescura, bosquexando un sorriso e, en tantas ocasións, acompañándose dunha gargallada franca e aberta. Algo de agradecer.
9. Policamente incorreta, de Teresa Moure (Através editora). Subtitulado “ensaios para um tempo de pressas” é un libro heterodoxo e rebelde, que procura, a través do pensamento crítico, alertar conciencias e aprendermos a exercer a crítica, sempre tan precisa.
 10. Sangue 12, de Cris Pavón (Urco Editora). Pavón é unha autora da que cómpre seguirlle a pista pois intúo que vai posicionándose con orixinalidade e paso firme na narrativa de hoxe. Esta novela, a cabalo entre o real e o fantástico e co motivo da identidade de fondo, así o testemuña.
 11. Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra (Positivas). Presentada como a primeira novela pornográfica da literatura galega, suscitou xa certo debate e creo que o mellor para opinar é lela sen prexuízos e libremente.
12. A dama da noite, de Xavier Seoane (Laiovento). Non se prodiga o autor no ámbito da narrativa, sendo esta a súa segunda entrega. Coido que se falará dela pois ficcionaliza, creo que con fortuna, a vida dunha muller que é símbolo de noso.
Este texto publicouse nas páxinas na sección «Breviario», de Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 69 (xullo-agosto 2014).

Unha rosa encarnada. Robert Burns
















venres, 24 de outubro de 2014

Que gran país e que carallo de xente!


Num cole dumha vila próxima à Corunha. Baixa da aula umha aluna de primária e di-lhe a umha profe que está na fotocopiadora:
- Me puedes hacer unas fotocopias?
- Cantas?
-. Si, de vez en cuando.
Verídico. 

martes, 21 de outubro de 2014

OS MÁIS RECOMENDADOS

Tabela dos Libros. Outubro 2014



Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.
2014_outubro_tabela
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.
Armando Requeixo. Criticalia.